• Zona 01
  • Zona 02
  • Zona 03

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo custodia entre os seus fondos, un importante conxunto de forografías de diversos autores, moi maioritariamente do século XX, cuxas imaxes reflicten o transcurso dos días, tanto na capital coma na provincia.


De entre elas, temos entresacado sesenta imaxes coas que queremos ilustrar cómo se vivían, ó longo do século XX, os moi importantes días de feira e mercado en diferentes localidades de Lugo.


As Feiras, arraigadas desde moi antigo en Galicia (a de Lugo, en 1104, a de Monforte desde 1106...), eran días de festa grande ás que as xentes acudían desde moi cedo para realizar intercambios que polo xeral pechábanse de mañá. O recinto feiral enchíase de homes que acudían co seu gando vacún -aínda que tamén con cabalos, ovellas ou porcos-, que os tratantes revisaban e valoraban antes de decidir mercalos. As mulleres ocupábanse na feira dos animais pequenos -coellos, galiñas ou capóns-, e de vender e mercar bens de consumo ou útiles cotiás, coma queixos, ovos, pan, patacas, produtos da matanza, cestos ou coitelos...; elas máis vinculadas ó mercado ca eles.


Pero non todo era negocio; os intercambios deixaban tempo libre para o lecer, para os paseos, as charlas, os faladoiros, e, sobre todo, para a comida festiva, principalmente nos postos e casetas do polbo que se situaban no entorno dos campos da feira, onde acudían homes e mulleres, vellos e novos, nunha celebración gozosa do día da feira, e tamén da festa.